Música

Xabier Díaz, Guillerme Fernández e a literatura

Marzo 9th, 2011  |  Published in| the_category Literatura, Música, Promoción

De todos/as é ben sabido a estreita relación que a literatura garda con outras expresións artísticas tales como o cine, a pintura ou a literatura. Na clase vimos como un dos actos máis frecuentes da promoción dun libro é o literario-musical e a el me quero referir. Desde hai xa un tempo son seguidora da traxectoria de dous excelentes músicos galegos, Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Formaron parte de grupos como Leilía, Luvas Verdes, Rumbadeira ou Nova Galega de Danza e fixeron colaboracións con Carmen París, Eliseo Parra, Fuxan os Ventos, etc.

Na actualidade, Xabier Díaz segue unha carreira en “solitario” e Guillerme Fernández está no grupo Espido, ao mesmo tempo que son integrantes de Berrogüetto e conducen o programa dominical da Radio Galega, Tres Peixes Voando. O 24 de febreiro asistín á presentación do novo libro de Lupe Gómez, A grafía dos mapas da editorial Toxosoutos,  con motivo da participación dos dous músicos citados anteriormente e decateime de que xa teñen experiencia neste tipo de actos e ademais con tres autores de Xerais. En xuño do 2009, Xabier Díaz participaba na presentación de Pirata de María Reimóndez no club náutico de Vigo. En abril do 2010, Berrogüetto sacaba novo disco, Kosmogonías, e nel participaba Rosa Aneiros cun texto introdutorio e aquí vos deixo un enlace do tema “Alalá da noite”, un poema escrito por Manuel Rivas para Xabier Díaz e que agora é finalista dos Premios de la Música á mellor canción en galego. O propio Xabier é compositor dalgún dos temas, así que tamén poderiamos dicir que exerce como escritor, asemade colaborou no libro-disco Tic Tac de Pablo Díaz. No seu programa musical de radio contan cunha sección fixa na que Lucía Aldao, poeta,  participa con textos propios e alleos. Coma este caso, seguro, poderiamos atopar máis, da estreita relación entre música e literatura. 

Raquel López Veleiro