Papel

Esperanzas de futuro para a industria editorial

Marzo 10th, 2011  |  Published in| the_category Comercialización, Editoriais, Internet, Libro dixital, Papel

Moito se ten falado do futuro das empresas de edición perante a cultura dixital. Nunha entrevista concedida a Libertad Digital, o escritor Lorenzo Silva (de quen Sara nos falou hai uns días neste mesmo blog) menciona unha serie de posibilidades abertas:

– o libro impreso de luxo, cun valor engadido alén do que poida ter o contido (este tipo de produto é salientado unha e outra vez polos especialistas);

– o libro impreso ben feito e cun prezo axustado, para agasallar;

– o libro impreso de usar e tirar, moi barato;

– o libro electrónico a prezos atractivos e sen DRM, especialmente obras que xa levan un tempo no mercado (posibilidade que o propio Silva ensaiou vendendo un paquete con algunhas das súas novelas por 15 euros).

Como se ve no titular da entrevista, o escritor fai unha advertencia: se non se adaparen aos novos tempos corren o risco de perder a iniciativa e o negocio; mais tamén se mostra confiado no bo porvir das editoras.

Un saúdo

Suso

O traxe novo do… autor

Febreiro 24th, 2011  |  Published in| the_category Comercialización, Creación _editorial, Cubertas, Editores, Editoriais, Librarías, Narrativa, Papel, Promoción

Xa que falamos das cubertas como un recurso atractivo do libro impreso fronte ao libro dixital, así como da idea do libro como obxecto (mercadoría) á vez que ben intanxible (cultura), quero falar de dous exemplos de como revestir aos clásicos con cubertas atractivas con fin de vendelos de novo.

A algúns —filólogos ou non— nos gusta volver aos clásicos da literatura universal de vez en cando e, persoalmente, se se trata de autores da literatura anglosaxona do dezanove, máis ainda. Pero se por riba ao botar unha ollada pola sección correspondente da librería visitada aparecen xoias da edición e do deseño tan atractivas como as que merquei e lin recentemente, non podo evitar caer na doce e pracenteira trampa comercial.

A primeira obra das dúas que menciono é Los papeles de Aspern (The Aspern Papers), de Henry James, que Alba Editorial publicou dentro da súa colección clásica en 2009 (ISBN 978-84-8428-484-0) cunha ilustración dun detalle dunha pintura de corte impresionista na que se amosa unha canle de Venecia que ocupa a totalidade da primeira de cuberta. Por un lado, ubícanos xeográficamente no lugar onde se desenvolve maxistralmente a trama desta novela e, por outro lado, colócanos temporalmente a finais do dezanove, cando o impresionismo conseguiu alcanzar o seu punto álxido.

A outra obra en realidade non a atopei de primeiras nunha libraría, senón que a vin na mesa do profesor Blanco Valdés na aula do mestrado en edición e, como ben envidiado e obxecto desexado, busqueina por algunha libraría virtual de internet ata que a conseguín mercar. Trátase da tradución dunha antoloxía de varios relatos de pantasmas de Charles Dickens editada maravillosamente e publicada por Impedimenta en 2009 baixo o título de Para leer al anochecer. Historias de fantasmas (ISBN 978-84-937601-0-6).  Nesta publicación todo é dunha edición coidadísima: a elección do papel en cada parte do libro, as ilustracións da cuberta e da sobrecuberta, a portada, a páxina de créditos,  a tipografía elexida en cada elemento, a combinación de cores nos textos, etc. A isto chámolle unha pequena xoia da edición.

Resumindo, o que quero dicir é que os clásicos non serán best-sellers hoxe en día, pero hai editoriais que saben atraer aos lectores deste tipo de literatura unindo a calidade do contido coa calidade do continente. É un novo traxe para o emperador, bueno, para o autor, que a algúns atrae coa vista e co tacto ao velo no escaparate. En min, como consumidor, funciona.

J. Augusto

Papel e biodiversidade

Febreiro 25th, 2010  |  Published in| the_category Papel

Joaquín Rodríguez na súa anotación máis recente en ¨Los futuros del libro» volve sobre os efectos da produción e consumo de papel sobre a biodiversidade. A trazabilidade do papel, que obriga o emprego de materiais certificados, semella hoxe un criterio imprescindible nunha edición analóxica responsable. M.B.

Consumo de papel impreso

Febreiro 24th, 2010  |  Published in| the_category Libro dixital, Papel

Sergio Parra publica unha clarificadora anotación en «Papel en blanco» sobre o consumo actual de papel impreso no mundo. Velaí a súa primeira e sorprendente afirmación:

«A pesar de la creencia de que la era digital acabaría con el papel, o al menos haría disminuir su consumo, lo cierto es que la necesidad de papel crece de manera continua. No sólo en el uso general, como la fabricación de servilletas, embalajes, bolsas o papel higiénico, sino a la hora de plasmar textos: cuadernos, papel para impresora y libros.»

Durante a década de 1990 aumentou o consumo de papel no mundo; porén, agora semella o momento de reducir o seu consumo, tanto polos efectos que provoca sobre o cambio climatico (contribúe á deforestación), como polo pulo da edición electrónica. No entanto, a industria do papel continúa evolucionando ata a creación de novos materias como o nanopapel, un papel que «posúe unha resistencia semellante ao do ferro».

Máis información: «La industria del papel en México agoniza por falta de bosques». M.B.