Produción

Traballando con .pdf

Marzo 16th, 2011  |  Published in| the_category Produción

Contra o que puidera pensarse, os documentos .pdf admiten todo tipo de modificacións, o que nos vai permitir facer os cambios que precisemos directamente sobre o propio arquivo .pdf, sen ter que volver ao documento orixinal (que moitas veces nin sequera imos ter dispoñible) para corrixir erros que se detecten unha vez teñamos o documento .pdf pechado.

Algúns dos plug-ins que podemos engadirlle á nosa versión de Acrobat son os seguintes:

  • Quite a Box of Tricks: converte a CMYK todos os elementos RGB que atope no documento, pasa toda a información a escala de grises, cambia o tamaño do arquivo, permite rotar páxinas, xiralas en espello…
  • Quite Imposing Plus: cambia as marxes, permite introducir numeración de páxinas, déixanos insertar páxinas en branco e, sobre todo, axúdanos a crear os pregos ou cadernillos para mandar o documento á imprenta coa imposición feita.
  • Quite Revealing: permite modificacións en canto a tintas, perfís de cor, transparencias…

Pero a ferramenta máis potente para a modificación de documentos .pdf é Enfocus Pitstop, que xa non é un plug-in, senón unha aplicación á parte que nos vai permitir traballar cos .pdf como se fosen documentos de texto editable.

Á hora de traballar con .pdf tamén son interesantes estas dúas páxinas:

  • FreeMyPDF: para desprotexer calquera documento .pdf que recibamos co contrasinal activado.
  • PDF Creator: para converter a .pdf calquera documento, en caso de que non teñamos a versión Professional de Acrobat instalada.

Héctor

Facsímiles: nos límites da realidade

Marzo 7th, 2011  |  Published in| the_category Historia do libro, Produción

Fóra das institucións públicas (ou algunha entidade privada) e dos poucos afortunados que poden fachendear de seren os posuidores dunha das xoias da edición antiga, para o resto dos mortais queda o consolo de visitar unha biblioteca que permita o acceso aos seus fondos máis valiosos, consultar a versión dixital do orixinal ou, no mellor dos casos, adquirir o seu facsímile, unha reprodución exacta, ás veces incluso cos mesmos materiais empregados para a elaboración do orixinal. Comezando pola Biblia de 42 liñas de Gutenberg, a primeira obra impresa e a máis repoducida en versión facsimilar (é a que se pode ver na imaxe da esquerda).

En ocasións o nivel de acabado destas copias é exquisito: desde o emprego de fotografías de altísima resolución ata técnicas de encadernación que imitan as da época da que procede a obra, pasando por detalles como a aplicación manual de metais (pigmento de ouro, pan de ouro, ouro bruñido…) e a eliminación manual dos microfragmentos das páxinas comestos pola couza ou ilustracións arrincadas do orixinal.

Un bo exemplo é o Libro de Horas de Fernando I, que tivemos ocasión de ver en varias das materias deste máster, e no que realmente custa traballo diferenciar o orixinal da copia, tal é a perfección que se conseguiu na elaboración da réplica. Non lembro onde se fixera este facsímile, pero buscando pola Rede atopei mencións a tres das empresas máis destacadas no panorama nacional neste ámbito: a imprenta Scriptorium (de Valencia, onde se concentra gran parte da industria facsimilar) e a editorial Moleiro (Barcelona), ademais da sevillana Extramuros. Para a adquisición de obras deste tipo, a referencia é a librería madrileña Códice.

Máis preto temos a editorial Nova Galicia, especializada en libros de arte e pintura, e que ten unha liña de produción destinada ao libro en versión facsímile. Héctor.

Imprentas en Galicia

Marzo 4th, 2011  |  Published in| the_category Produción

Nalgún módulo deste mestrado en edición falouse de que o editor e o impresor tiñan que traballar conxuntamente e de que, aparte das negociacións económicas pertinentes, precisamente o editor tiña que buscar certa fidelización cun ou varios impresores que cheguen a saber como é e como ten que ser o seu produto editorial.

Independentemente de a onde nos leve o futuro tras finalizar o mestrado, o máis probable (e esperable) e que moitos de nós busquemos primeiro no mercado laboral galego, polo que estaría ben comenzar por coñecer que imprentas temos ao noso redor. De todos os xeitos, incluso para os que sodes de fóra e acabedes traballando nas vosas respectivas comunidades autónomas, tede en conta que aquí hai imprentas que traballan non só para Galicia, senón tamén para o resto da Península e de parte de Europa. Có fin de coñecelas un pouco, aquí vos mostro unha lista das que eu cheguei a coñecer por dentro cos meus breves comentarios:

Alva Gráfica.— Atópase a camiño entre A Coruña e Ferrol a e é unha imprenta con máquina offset de pregos en folla. A súa especialidade son os libros de calidade do tipo dos de fotografía, arte, cartoné, etc. De feito, traballa moito con encuadernadores desa zona especializados tamén neste tipo de produtos. Como nas outras imprentas deste tipo mencionadas a continuación, ademáis das editoriais, moitos dos seus clientes son deseñadores gráficos.

Anduriña.—Esta imprenta está en Poio, a 10 minutos en coche do centro de Pontevedra. Trátase igualmente dunha imprenta con varias máquinas offset de folla, con algunha que chega a ter a posibilidade de impresión de 8 cores. Posúe tamén imprenta dixital para tiradas máis pequenas. A mellor cualidade de Anduriña é a súa aposta pola eficacia e pola fidelización e trato familiar cos seus clientes. Pode que non sexa a que ofreza os mellores prezos do mercado nalgúns produtos, pero é garantía de boa calidade técnica, profesional e humana.

C.A. Gráfica.—Ubicada no Alto de Puxeiros, nos arredores industriais de Vigo, está considerada por algúns, dende o punto de vista da calidade de impresión, unha das mellores de Galicia. Ademáis, ao seu grupo pertence tamén AC Pack, empresa adicada á arquitectura de embalaxes e pakaging.

Einsa.—Ainda que a súa sede está en Alcobendas (Madrid) a súa principal planta de produción atópase no concello de As Pontes. A esta imprenta só habería que dirixirse como editores se traballásemos con produtos impresos de grande tirada, como revistas, catálogos, etc., posto que se trata dunha empresa gráfica con grandes rotativas que traballa principalmente a nivel estatal e internacional. Practicamente todos os procesos de fabricación realízanse na propia planta de produción.

Tórculo.—Supoño que é a que máis vos soa precisamente porque é a imprenta á que nos levaron neste mestrado e porque posúe varias tendas de fotocopistería nas tres principais cidades de Galicia, estratéxicamente situadas para os clientes universitarios. De feito, Tórculo é unha das imprentas galegas máis versátiles (offset, dixital, cartelería, multimedia…) en en continua adaptación aos cambios que van xurdindo no panorama actual das artes gráficas e da edición, ata o punto de que recentemente puxo en marcha a páxina web Meubook, unha ferramenta on-line da autoedición e da impresión baixo demanda. Dende o punto de vista da fabricación, Tórculo posúe ademáis un tren de encuadernación de fresado con cola PUR.

Excepto Einsa, todas as demáis son membros do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego.

J. Augusto