Tipografía

Aplicación para a identificacion de tipografías

Marzo 16th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

Deixo por aquí o enlace a unha aplicación gratuíta chamada What the Font, que identifica o tipo de letra empregado nun texto a partir dunha imaxe. Só temos que subir un arquivo á páxina (no formato que sexa: jpg, gif, tiff, bmp…) e o programa dános a fonte coa que se corresponde. Eu subín arquivos de bastante baixa resolución e aínda así recoñeceuna sen problemas.

Deste modo, se atopamos (en papel, nun arquivo de imaxe ou xa trazada) unha tipografía que nos parece útil para algún traballo noso, non fai falta abrir a listaxe de fontes e ir mirando unha a unha a ver se por casualidade a atopamos: abonda con escanear a páxina ou subir directamente o arquivo á aplicación.

What the Font ten unha versión para iPhone/iPad, que é aínda máis espectacular: se, por exemplo, estamos lendo unha revista e queremos saber que tipografía se empregou nun dos seus textos, abrimos a aplicación, facemos unha fotografía coa cámara do propio teléfono e ao momento sabemos o nome dese tipo de letra e, se for gratuíta, poderiamos mesmo descargala.

Este servizo está aloxado na web MyFonts, que ten outras moitas ferramentas de interese relacionadas co mundo da tipografía. Héctor.

Ránkings de tipografías

Marzo 12th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

En internet podemos atopar ránkings de canta cousa se nos poida ocorrer; tamén das fontes máis descargadas, as preferidas polos deseñadores gráficos e as consideradas como as mellores da Historia, do ano 2010 ou por categorías. Así mesmo, anda por aí esta clasificación cos mellores tipos de letra que se poden conseguir de balde, co correspondente enlace á súa páxina de descarga.

Contra todo prognóstico, a tipografía Comic Sans non aparece en ningunha destas listaxes, só nesta última co top ten das máis feas da historia (ou nestoutra, coas “sete tipografías que se deben evitar” e que mesmo inclúe un perfil do tipo de usuario que as emprega).

Por último, e fóra xa de clasificacións, velaquí un enlace no que se recompilan 50 traballos artísticos de todo tipo nos que a tipografía é o elemento principal (moitas veces o único). Héctor.

Letras con historia

Marzo 4th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

A historia da tipografía Ibarra Real é curiosa. Este tipo de letra foi o elixido polo editor Joaquín Ibarra para a súa edición de El Quijote, labor que lle encargou a Real Academia Española no ano 1780. Máis de dous séculos despois, en 2005 (coincidindo co cuarto centenario da publicación da primeira parte da obra de Cervantes), o deseñador tipográfico José María Ribagorda recibiu a petición de adaptar esta tipografía ao soporte informático como unha das liñas de traballo dentro dos actos de conmemoración desta efeméride. Unha vez rematado o traballo, en 2006 asinouse un acordo con Microsoft para que a Ibarra Real formase parte do abano tipográfico tanto do sistema operativo Windows como do procesador de textos Word, aínda que finalmente non foi posible a súa inclusión dentro da versión 2007 de ambas as aplicacións. Pero na versión 2010 si a podemos atopar xa.

Aínda que similar a outras letras do tipo romano clásico, o seu trazo máis identificable é esa especie de chapeu que podedes ver no Ñ maiúsculo. Quen lle ía dicir aos seus creadores, no século XVIII, que a tipografía que daquela idearon acabaría espallada por todo o mundo en pleno século XXI… Como di o propio Ribagorda: “Os suízos teñen a Helvética, os italianos a Bodoni, e agora, os españois temos a Ibarra Real”. Este é o enlace para a súa descarga.

Xa no ámbito máis próximo, tamén é posible instalar nos nosos equipos tipografía de fasquía inequivocamente galega: son a Nova Outubro e a Gallaecia (coñecidas popularmente como do tipo Castelao). E o estudio galego de deseño Ipanema Gráfica tamén desenvolveu tres tipografías inspiradas na nosa cultura: Rita, Marela e Vila Morena, todas elas de descarga gratuíta. Héctor.

A “fonte” de todo mal

Febreiro 24th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

Non hai tipografía no mundo que concite maior número de adversarios que a Comic Sans, incorporada a partir de 1994 nos produtos de Microsoft. Inspirada (como o seu nome indica) no mundo da banda deseñada, naceu co obxectivo de proporcionar ao usuario un tipo de letra informal para unha finalidade máis ou menos creativa, aínda que ao final acabou sendo empregada case para todo, o que a converteu en antipática por pura saturación, como lles aconteceu a Arial e Times New Roman. Tanto foi o usuario á fonte que neste caso foi a fonte a que rachou.

O seu uso case ubicuo e a falta de criterios tipográficos no seu deseño (desproporción, presenza similares de baixadas e horizontais, interletraxe incorrecta…) converteron esta fonte na máis deostada por profesionais e expertos en deseño gráfico, ata o punto de que o seu creador, Vincent Connare, saíu non hai moito nos medios de comunicación pouco menos que pedindo perdón.

A Rede é un fervedoiro de opinións en contra (moitas) e a favor (non tantas) desta tipografía, que neste tempo acadou niveis de uso certamente desproporcionados. Nesta campaña de deslexitimación houbo quen, ironicamente, decidiu recrear que pasaría se algúns dos logotipos máis famosos do mundo estiveran feitos con Comic Sans, e mesmo hai unha fonte, parodia da orixinal, chamada I Hate Comic Sans.

Pero dicir que a quen empregue esta tipografía “hai que cortarlle as mans” demostra un sectarismo ridículo, como o de quen está por sistema en contra do uso de QuarkXPress (o estándar en edición durante máis dunha década), CorelDraw (moito máis manexable que Illustrator en efectos sobre o texto e nas curvas de Bezier, por exemplo) ou o paquete Office de Microsoft (alén do Word, que cumpre á perfección a súa función de procesador de textos a nivel doméstico, Access é un xestor de bases de datos potentísimo, e Excel é unha folla de cálculo equiparable ás profesionais). Do que se trata é de atinar co seu uso correcto, pois todo, ata o máis rexeitable, pode resultar acaído nun determinado contexto. Héctor.

Tipografía e videoclips

Febreiro 20th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

Deixo por aquí o enlace a un vídeo dun grupo uruguaio (sería, por tanto, un monte-video) chamado El Cuarteto de Nos, que nesta peza basea a súa proposta visual case exclusivamente no emprego da tipografía. Penso que é un bonito exemplo do que se pode facer con poucos recursos e moita imaxinación. Héctor.

Tipografía en movemento

Marzo 5th, 2010  |  Published in| the_category Tipografía

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/FHBSVhjufFo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Sempre me gustaron eses spots con tipografía en movemento. Porque as letras son importantes, porque transmiten, porque din o que queren decir, e non outra cousa.

Hay unha mostra deste baile de letras feito por deseñadores hispanos en www.unostiposduros.com. Non se poden ver todos, e eu quédome con un titulado EGO que podemos ver en youtube e que é creación de Sebastián Baptista.

Ademáis, aproveitando este mesmo procedemento, Enric Jardí, un deseñador gráfico catalán, propón 22 consellos sobre tipografía.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/R1glnyvgGjE" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Para rematar, un traballo feito por un alumno da Universidade Autónoma de Occidente baseado nunha serie colombiana de debuxos animados titulada “El siguiente programa”, que parodiaba a realidade nacional de Colombia de finais da década dos noventa. O que fixo, básicamente, foi engadir tipografía en movemento a un “gag” de esta serie, engadindo, así, máis emoción e sentimento ao xa contido nas palabras do narrador. Todo cun toque de humor. E iso é o que consiguen, non só as palabras, senón as letras. B. Ch