Facsímiles: nos límites da realidade

Marzo 7th, 2011  |  Published in| the_category Historia do libro, Produción

Fóra das institucións públicas (ou algunha entidade privada) e dos poucos afortunados que poden fachendear de seren os posuidores dunha das xoias da edición antiga, para o resto dos mortais queda o consolo de visitar unha biblioteca que permita o acceso aos seus fondos máis valiosos, consultar a versión dixital do orixinal ou, no mellor dos casos, adquirir o seu facsímile, unha reprodución exacta, ás veces incluso cos mesmos materiais empregados para a elaboración do orixinal. Comezando pola Biblia de 42 liñas de Gutenberg, a primeira obra impresa e a máis repoducida en versión facsimilar (é a que se pode ver na imaxe da esquerda).

En ocasións o nivel de acabado destas copias é exquisito: desde o emprego de fotografías de altísima resolución ata técnicas de encadernación que imitan as da época da que procede a obra, pasando por detalles como a aplicación manual de metais (pigmento de ouro, pan de ouro, ouro bruñido…) e a eliminación manual dos microfragmentos das páxinas comestos pola couza ou ilustracións arrincadas do orixinal.

Un bo exemplo é o Libro de Horas de Fernando I, que tivemos ocasión de ver en varias das materias deste máster, e no que realmente custa traballo diferenciar o orixinal da copia, tal é a perfección que se conseguiu na elaboración da réplica. Non lembro onde se fixera este facsímile, pero buscando pola Rede atopei mencións a tres das empresas máis destacadas no panorama nacional neste ámbito: a imprenta Scriptorium (de Valencia, onde se concentra gran parte da industria facsimilar) e a editorial Moleiro (Barcelona), ademais da sevillana Extramuros. Para a adquisición de obras deste tipo, a referencia é a librería madrileña Códice.

Máis preto temos a editorial Nova Galicia, especializada en libros de arte e pintura, e que ten unha liña de produción destinada ao libro en versión facsímile. Héctor.

Os comentarios están pechados.