Dicionarios: ‘ladrillos’ para construír unha lingua

Marzo 13th, 2011  |  Published in| the_category Dicionarios

O posicionamento no mercado dos seus dicionarios que leva realizando Edicións Xerais de Galicia desde hai máis dun cuarto de século fai que axiña identifiquemos dicionario de galego con dicionario de Xerais. E é normal que así sexa, non só pola calidade das súas obras lexicográficas (eis o Gran Dicionario Xerais da Lingua, cos seus irmáns o Dicionario Xerais e o Pequeno Xerais), senón tamén pola súa variedade: Dicionario Xerais Castelán-Galego de Usos, Frases e Sinónimos, Dicionario de Fraseoloxía Galega, Dicionario Xerais de Sinónimos e Antónimos, Dicionario Xerais Galego-Castelán Castellano-Gallego, Dicionario Francés-Galego Galego-Francés, Dicionario Ortográfico da Lingua Galega

Pero alén da inxente achega de Xerais, conviven no panorama galego outras obras que completan a oferta deste tipo de ferramentas, imprescindibles para a consolidación dunha lingua. A editorial Ir Indo ten tamén o seu dicionario, que dispón tamén dunha versión na Rede, ata hai pouco gratuíta e que agora precisa dun rexistro e dun pago anual para poder facer uso dela. E digno de destacar é tamén o proxecto Século 21 (Edicións do Cumio, Ediciós do Castro e Editorial Galaxia), así como o dicionario Estraviz (que respecta a normativa da AGAL e que se pode atopar tanto en papel como na Rede).

Exclusivamente en internet podemos atopar o Dicionario da RAG (que data do ano 1997, o que o invalida a varios niveis), así como outro elaborado pola CRTVG. Tamén da RAG (en colaboración co ILGA) é o VOLGa, un glosario de termos que recolle todas as formas ortográficas normativas da lingua galega.

Especialísimo interese ten a aplicación Dicionario de Dicionarios, recompilado baixo a coordinación de Antón Santamarina e que permite a consulta simultánea dunha palabra en máis dunha vintena de glosarios, compendios e vocabularios (sobre todo históricos e imposibles de localizar doutro modo, desde os traballos do Padre Sarmiento no s. XVIII ata achegas actuais, pasando pola obra lexicográfica de Eladio Rodríguez González).

A oferta complétase con vocabularios terminolóxicos de diferentes áreas: xurídica, médica, artes gráficas, novas tecnoloxías… Neste punto é de grande interese consultar a achega do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a través do seu proxecto Profesionaliza a túa lingua. De novo Xerais fai as súas achegas: arte, pensamento, nomes propios, un dicionario visual…, algúns deles a medio camiño entre o dicionario e a enciclopedia.

Complemento ideal dos dicionarios son as ferramentas de tradución automática que se ofrecen en diferentes páxinas web. Estes son algúns deles, tanto gratuítos como de pago:

  • OpenTrad: Tradutor libre castelán-galego.
  • Traducíndote: Adaptación de OpenTrad para traducir en liña documentos de Microsoft Office e OpenOffice.
  • Traduza: Tradución castelán-galego, cun dicionario dunhas 20.000 palabras.
  • Tradutor Cervantes: Traduce varias linguas, entre elas castelán-galego

Héctor

Os comentarios están pechados.