Libros e 3D

Marzo 15th, 2011  |  Published in| the_category Promoción

Non cabe dúbida de que o 3D está de moda. E iso que non estamos a falar dunha técnica nacida onte. A primeira vez que tiven na man unhas gafas 3D foi no ano 1984, cando na primeira cadea de TVE lles deu por emitir un western chamado Fort Ti, rodado en formato tridimensional. A película era do ano 1953, e polo visto xa había proxectos similares desde os anos 20 (antes mesmo que o cinema sonoro), o que nos dá idea do tempo que transcorreu desde o invento do 3D.

Lembro que moitas das revistas da época (Teleprograma, Teleindiscreta, Supertele…) regalaban nesas datas estas célebres gafas de dúas cores, e que a expectación creada se converteu en decepción cando finalmente se proxectou o filme: aquilo era máis ou menos como outra peli calquera, agás un par de momentos nos que realmente si daba sensación de que a imaxe saía da pantalla, como un tren que viña de fronte e cousas así.

O experimento de TVE só valeu para botar unhas risas vendo á miña nai coas súas correspondentes gafas agardando a que a película comezara, e para que os nenos pasaramos unhas cantas semanas coas gafas postas todo o día, pola rúa e pola casa adiante, ao modo do rapaz que aparece neste vídeo de Charlie Winston.

Pero o 3D volve facer furor: desde Avatar a Torrente-4, pasando, por suposto, pola Gioconda tridimensional da presentación de Inés, anunciar que algo se presenta nese formato é garantía, se non de éxito, polo menos si de expectación ou curiosidade. Hoxe mesmo anúnciase  a rodaxe da que será a primeira película galega en tres dimensións: Celtia, a filla do vento.

Nos libros sucede o mesmo: ata hai uns anos, o 3D dos libros eran aquelas páxinas que ao abrírense xurdía delas un castelo ou a princesa protagonista (creo que se chamaban pop-up). Pero desde hai un tempo xa temos libros que se aproveitan dos efectos tridimensionais para empregalo como reclamo, dirixido sobre todo aos lectores máis novos.

Versións literarias de películas, como esta de Shrek 4, obras fotográficas de ciencia ou natureza ou obras infantís en xeral son o tipo de libros que máis se prestan a este emprego do 3D na literatura; pero podemos encontrar tamén libros de poesía, como Alicia volátil (da editorial “Cangrejo Pistolero”, aí queda iso…), que está concibido para ler en tres dimensións e que mesmo trae unhas gafas de regalo. Héctor.

Os comentarios están pechados.