Lectura horizontal: un ‘xiro’ no noso modo de achegarnos ao libro

Marzo 24th, 2011  |  Published in| the_category Novidades

Nas clases de Historia do Libro deste máster de Edición vimos como o libro foi un dos poucos inventos do home que “naceu perfecto”, é dicir, que desde a súa creación non precisou de melloras no esencial do seu concepto. De feito, desde hai polo menos 500 anos os libros preséntanse ante os lectores do mesmo xeito: un texto impreso sobre unha serie de follas que se encadernan por un dos seus laterais e que van protexidas por unha cuberta ou tapa.

Ata agora (e deixando a un lado os libros dixitais) a mecánica lectora era rematar a páxina esquerda e pasar á dereita, a cuxo remate se viraba a folla e comezaba o proceso de lectura esquerda-dereita. Pero o outro día Augus falou na clase da irrupción nos últimos tempos dun novo formato de libro que ten como principal característica que o lombo se sitúa en horizontal de modo que cada dobre páxina aberta é como se fose unha do dobre de tamaño; é dicir, o libro xírase 90 graos.

O primeiro libro neste formato é El mar en llamas, do prolífico Alberto Vázquez-Figueroa, publicado por Martínez Roca, unha das filiais de Editorial Planeta. Imaxino que a idea foi do propio Vázquez-Figueroa quen, ademais de escritor, xa amosou en máis dunha ocasión esoutra faceta de inventor. Polo visto, as vantaxes deste novo formato son múltiples:

  • Máis pequeno: asegúrase que se pode reducir ata nun terzo a cantidade de papel necesario para a impresión dun mesmo texto, xa que as marxes se aproveitan moito máis. Incluso o tamaño de letra é un 1 punto maior ca o estándar.
  • Máis ecolóxico: como consecuencia deste aforro de papel, o impacto ambiental dunha tirada é moito menor, se ademais temos en conta que se realiza en papel reciclado.
  • Máis barato: o libro de Vázquez-Figueroa (encadernado en tapa dura) véndese a un prezo de 16,90 euros, cando un volume destas características roldaría os 20 euros no seu formato convencional.
  • Máis cómodo: a luz incide de maneira máis uniforme na dobre páxina e evítanse reflexos e zonas escuras. Seica se pode ler cunha soa man, apoiando a tapa na nunha mesa, por exemplo.
  • Máis próximo ao formato dixital: o formato resultante desa dobre páxina reconvertida a unha soa queda a medio camiño entre o libro de toda a vida e os novos soportes electrónicos, onde tamén se traballa sobre unha única páxina.

O tempo dirá se é unha curiosidade que simplemente chama a atención polo seu carácter novidoso ou se realmente a idea acabará atopando o seu lugar nun mercado, como este do libro, que xa estaba de por si suficientemente alterado.

De momento, xa hai outra iniciativa similar: os librinos de Ediciones B. Héctor.

Os comentarios están pechados.