Préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas públicas

Febreiro 20th, 2011  |  Published in| the_category Bibliotecas, Libro dixital

Libro electrónicoSupoño que moitos xa o saberedes (porque ademais varios sodes usuarios), pero aproveito este blog para dicirvos que polo visto durante este mes de febreiro farase efectiva a posibilidade de levar prestados libros electrónicos na biblioteca pública de Santiago, a biblioteca Ánxel Casal. E non só iso: se os usuarios non dispoñemos do soporte de lectura necesario, o centro tamén nos prestará un e-reader! A de Santiago é unha das primeiras 15 bibliotecas públicas que poñerán en marcha este servizo, ao que durante 2011 se irán incorporando todos os centros xestionados polo Ministerio de Cultura. Complétase así o servizo de biblioteca dixital que xa funciona desde hai un tempo e ao que están adscritos todos os centros da Rede de Bibliotecas de Galicia.

De momento só se cargarán nos dispositivos electrónicos obras das que xa non se derivan dereitos de autor, é dicir, clásicos que polo xeral poden obterse facilmente en internet. Ademais, segue sendo necesario desprazarse fisicamente ata a biblioteca, tanto se precisamos do soporte electrónico como se xa somos parte dese 5% de españois que polo visto xa dispoñan do seu propio lector dixital. Quedaría por resolver, por tanto, unha dobre eiva: a imposibilidade de acceder das novidades editoriais e a carencia dun servidor multiplataforma para ler os libros sen necesidade de descarga. Pero non deixa de ser outro pasiño máis cara á convivencia entre o papel e o soporte dixital. Héctor.

Os comentarios están pechados.