Lois Pereiro e as Letras Galegas

Febreiro 22nd, 2011  |  Published in| the_category Noticias_literarias

Neste 2011 o Día das Letras Galegas estará dedicado ao poeta Lois Pereiro (Monforte 1958 – A Coruña 1996). Como todos os anos, varias editoriais galegas aproveitarán esta celebración para publicar obras relacionadas dun ou doutro xeito co autor homenaxeado.

Pereiro só publicou dous poemarios: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995), ambos os dous na editorial Edicións Positivas, que os volverá sacar este ano, ademais dunha novidade: as cartas enviadas por Pereiro á súa compañeira, Piedad Cabo, baixo o título Conversa ultramarina. Aos poucos meses da súa morte editouse Poemas para unha Loia (Espiral Maior), que se reeditará tamén de cara á data do 17 de Maio. Xerais (con varias propostas), Galaxia, Toxosoutos e de novo Espiral Maior farán as súas respectivas achegas, e tamén se agarda a tradución dos seus poemas ao inglés e ao castelán.

Obras de homenaxe, actos oficiais, documentais e mesmo unha escenografía audiovisual completan o abano de actos e novidades arredor deste Ano Pereiro, recollidos nun blog que informa de todo o que de interese vai xurdindo nos últimos meses arredor da figura do escritor. Tamén en Twitter se achegan cada día novas e fragmentos da súa obra.

Un dos proxectos máis atractivos é o da editorial Ouvirmos (Sarria – Lugo), na súa novidosa liña de integrar o literario e o sonoro. Ouvirmos publicou neste mes de febreiro unha fotobiografía sonora con máis de 100 imaxes inéditas da vida de Lois Pereiro, a gravacion dunha entrevista co poeta, textos musicados… en dous CD e un libro. A recompilación correu a cargo de Lino Braxe e Xurxo Souto, ademais do irmán do poeta, o xornalista Xosé Manuel Pereiro. Héctor.

Os comentarios están pechados.