Cal é o futuro de Libranda?

Febreiro 24th, 2011  |  Published in| the_category Comercialización, Dereitos de autor, Editoriais, Internet, Libro dixital

Ao fío do que se falou onte sobre as abusivas condicións económicas que os grandes grupos de distribución de contidos (Amazon, Apple, por exemplo) impoñen ás editoriais e aos lectores, e da noticia comentada por Silvia neste mesmo blog sobre o bo recibimento que os editores españois preparan a Amazon, gustaría facer unha pequena reflexión sobre cal é a función de Libranda e cal é o seu previsible futuro.

Libranda naceu da man dalgúns dos maiores grupos editoriais e de venda en liña de España, e estaba destinado a ser un portal de referencia na distribución de libros electrónicos. Porén, desde o seu nacemento, hai menos dun ano, toda a iniciativa estivo rodeada polos problemas e a polémica: os libros están protexidos por un DRM que impide a súa lectura nalgúns dos lectores electrónicos máis populares (Kindle e iPad), o proceso de compra é moi dificultoso, os títulos dispoñibles son moi escasos (pouco máis de 2000 até agora), e o prezo non é moi diferente do que teñen os libros de papel. Algúns avisaban hai ben pouco de que o proxecto xa está morto.

Agora, co desembarco de Amazon en España, non deixa de sorprender a efusiva benvida que lle preparan os editores (si, os mesmo que crearon Libranda). Perante tal situación, cómpre facérmonos algunhas preguntas: por que, cando tiveron a oportunidade de o facer, as grandes empresas do sector estiveron máis preocupadas de loitar contra a copia (legal) dos libros electrónicos que de crear un servizo eficaz e económico de distribución na rede?; por que agora se botan aos brazos de Amazon, se saben que o seu portal non pode competir (nin en imaxe de marca, nin en fidelizacíon de clientes, nin en servizos) co dunha empresa que nos EUA vende máis ebooks que libros de bolso?; por que o fan, alén diso, se saben que as condicións enconómicas que terán que aceptar nos seus acordos de distribución con Amazon serán abusivas para elas, para os autores e para os lectores?

Será que non lles importa cal sexa o prezo final das obras nin a porcentaxe recibida polos creadores mentres o seu beneficio relativo se manteña como até agora? Será que eu son moi mal pensado?

Un saúdo.

Suso

Os comentarios están pechados.