A “fonte” de todo mal

Febreiro 24th, 2011  |  Published in| the_category Tipografía

Non hai tipografía no mundo que concite maior número de adversarios que a Comic Sans, incorporada a partir de 1994 nos produtos de Microsoft. Inspirada (como o seu nome indica) no mundo da banda deseñada, naceu co obxectivo de proporcionar ao usuario un tipo de letra informal para unha finalidade máis ou menos creativa, aínda que ao final acabou sendo empregada case para todo, o que a converteu en antipática por pura saturación, como lles aconteceu a Arial e Times New Roman. Tanto foi o usuario á fonte que neste caso foi a fonte a que rachou.

O seu uso case ubicuo e a falta de criterios tipográficos no seu deseño (desproporción, presenza similares de baixadas e horizontais, interletraxe incorrecta…) converteron esta fonte na máis deostada por profesionais e expertos en deseño gráfico, ata o punto de que o seu creador, Vincent Connare, saíu non hai moito nos medios de comunicación pouco menos que pedindo perdón.

A Rede é un fervedoiro de opinións en contra (moitas) e a favor (non tantas) desta tipografía, que neste tempo acadou niveis de uso certamente desproporcionados. Nesta campaña de deslexitimación houbo quen, ironicamente, decidiu recrear que pasaría se algúns dos logotipos máis famosos do mundo estiveran feitos con Comic Sans, e mesmo hai unha fonte, parodia da orixinal, chamada I Hate Comic Sans.

Pero dicir que a quen empregue esta tipografía “hai que cortarlle as mans” demostra un sectarismo ridículo, como o de quen está por sistema en contra do uso de QuarkXPress (o estándar en edición durante máis dunha década), CorelDraw (moito máis manexable que Illustrator en efectos sobre o texto e nas curvas de Bezier, por exemplo) ou o paquete Office de Microsoft (alén do Word, que cumpre á perfección a súa función de procesador de textos a nivel doméstico, Access é un xestor de bases de datos potentísimo, e Excel é unha folla de cálculo equiparable ás profesionais). Do que se trata é de atinar co seu uso correcto, pois todo, ata o máis rexeitable, pode resultar acaído nun determinado contexto. Héctor.

Os comentarios están pechados.