Se Curros levantara a cabeza…

Febreiro 27th, 2011  |  Published in| the_category Novidades

Estes días estase dándolle forma a O divino ferrete, a primeira película pornográfica gravada en galego, e cuxo título (ao máis puro estilo do xénero) é unha manipulación lúdica do nome da obra de Curros Enríquez O divino sainete (parodia, á súa vez, d’A divina comedia de Dante).

No guión do filme colaboran autores do panorama literario galego (Diego Ameixeiras, Xabier Cid, Begoña Paz, Alejandro Tobar e Iolanda Zúñiga), que xustifican a súa participación nun proxecto deste tipo pola importancia que para a lingua galega pode ter encher este oco ata agora virxe do cine porno, no que a presenza do galego era nula. Que cinco escritores máis ou menos recoñecidos tomen parte no guión parece asegurar un argumento de calidade, acorde cun proxecto desta envergadura, que non busca o beneficio económico senón, segundo os seus responsables, “demostrar que a nosa lingua vale para todo”. Imaxinamos que se refiren ao galego.

Desde GalegoLab, coordinadores do proxecto, agardan que O divino ferrete comece a gravarse en abril e estea rematada antes do verán. A súa distribución realizarase de balde a través da Rede e baixo a licenza Creative Commons. Haberá dúas versións: unha de porno duro para os incondicionais do xénero e outra máis light, é de supoñer que para toda a familia. Así e todo, non se desbota a súa comercialización en DVD, en función do éxito acadado na distribución gratuíta.

A produtora do filme agradece todas as doazóns (de momento só económicas) que cubran os arredor de 3.000 € que prevén que se precisen como orzamento. Ía colgar aquí o tráiler da película, pero Youtube retirouno, evidentemente por incumprir a súa política de espidos e contido sexual. Héctor.

Os comentarios están pechados.