Eu son Balbino…

Febreiro 27th, 2011  |  Published in| the_category Novidades

Así comeza Memorias dun neno labrego, a novela de Neira Vilas que nestes seus primeiros 50 anos de existencia (publicouse por primeira vez en Buenos Aires en 1961) se converteu na obra en galego máis vendida e traducida a máis linguas. Non ten mérito ningún, polo tanto, que este fose o primeiro libro en galego que lin na miña vida, e probablemente (non o lembro con seguridade) o primeiro que lin en calquera lingua.

Este ano, co gallo do seu medio século de existencia, houbo algunha novidade con respecto a ela. Ademais do acto de celebración da efeméride (que acabou convertido nunha verdadeira homenaxe ao xa seu octoxenario autor), en xaneiro deste ano Galaxia presentou unha edición especial de conmemoración deste cincuentenario, e a finais de 2010 a editorial Kalandraka publicou unha versión en castelán, ilustrada por Xosé Cobas.

A obra chegou tamén aos escenarios da man de Candidó Pazó, creador e actor do espectáculo teatral Memoria das memorias dun neno labrego, que se está a representar por toda Galicia, e dirixida especialmente ao público máis novo. Con permiso de Lois Pereiro e Cunqueiro (de quen se cumpre o centenario do seu nacemento), este tamén ha ser, con todo merecemento, o ano de Memorias… Héctor.

Os comentarios están pechados.