30 primaveras sen Cunqueiro

Febreiro 28th, 2011  |  Published in| the_category Eventos

Xusto hoxe fanse 30 anos da morte de Álvaro Cunqueiro, do que este ano tamén se cumpre o centenario do seu nacemento. E tamén se fan 20 anos desde que en 1991 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, tan só 10 anos despois do seu pasamento, período mínimo de transición que non sei se oficial ou oficiosamente a Real Academia Galega respecta antes de elixir o escritor homenaxeado o 17 de Maio. A última novidade editorial é un libro de Alvarellos Editora no que se recollen os textos que Cunqueiro dedicou á cidade de Lugo, a segunda casa dos escritor despois do seu Mondoñedo natal.

Cunqueiro non é só unha figura senlleira da literatura galega, senón tamén da española e, sen esaxerar moito, tamén da universal. A súa habelencia como narrador total levouno a destacar en xéneros tan dispares como a narración, o teatro, a poesía, o xornalismo ou a súa grande paixón, os libros de cociña.

O mindoniense foi eterno candidato ao Nobel nos últimos anos da súa vida, e non se sabe quen perdeu máis con este desencontro: se o premio ou o escritor. Como di Jaureguizar no seu Cabaret Voltaire: “Nobel nunca terá un Cunqueiro”. E non sería por falta de méritos: García Márquez recibiuno en 1982 por ser (ademais do mellor escritor do século XX en lingua castelá) o abandeirado dunha corrente denominada Realismo Máxico, da que Cunqueiro foi precursor e máximo expoñente.

A súa mestría nesta mestura de realidade e ficción non está só en obras como Merlín e familia, Crónicas do sochantre ou Se o vello Sinbad volvese ás illas; tamén se pode gozar en Cocina cristiana de Occidente (1969), unha recompilación de pratos do gusto do escritor, pero inzada de anécdotas, curiosidades, personaxes, quimeras e as máis fabulosas invencións: desde sucesos insólitos a lendarios ágapes, pasando por descricións asombrosas ou directamente falsas.

Por certo, hoxe tamén se fan 125 anos doutra data máis amable: o nacemento, en 1886, do rianxeiro Daniel Alfonso Roríguez Castelao. Héctor.

Os comentarios están pechados.