Imprentas en Galicia

Marzo 4th, 2011  |  Published in| the_category Produción

Nalgún módulo deste mestrado en edición falouse de que o editor e o impresor tiñan que traballar conxuntamente e de que, aparte das negociacións económicas pertinentes, precisamente o editor tiña que buscar certa fidelización cun ou varios impresores que cheguen a saber como é e como ten que ser o seu produto editorial.

Independentemente de a onde nos leve o futuro tras finalizar o mestrado, o máis probable (e esperable) e que moitos de nós busquemos primeiro no mercado laboral galego, polo que estaría ben comenzar por coñecer que imprentas temos ao noso redor. De todos os xeitos, incluso para os que sodes de fóra e acabedes traballando nas vosas respectivas comunidades autónomas, tede en conta que aquí hai imprentas que traballan non só para Galicia, senón tamén para o resto da Península e de parte de Europa. Có fin de coñecelas un pouco, aquí vos mostro unha lista das que eu cheguei a coñecer por dentro cos meus breves comentarios:

Alva Gráfica.— Atópase a camiño entre A Coruña e Ferrol a e é unha imprenta con máquina offset de pregos en folla. A súa especialidade son os libros de calidade do tipo dos de fotografía, arte, cartoné, etc. De feito, traballa moito con encuadernadores desa zona especializados tamén neste tipo de produtos. Como nas outras imprentas deste tipo mencionadas a continuación, ademáis das editoriais, moitos dos seus clientes son deseñadores gráficos.

Anduriña.—Esta imprenta está en Poio, a 10 minutos en coche do centro de Pontevedra. Trátase igualmente dunha imprenta con varias máquinas offset de folla, con algunha que chega a ter a posibilidade de impresión de 8 cores. Posúe tamén imprenta dixital para tiradas máis pequenas. A mellor cualidade de Anduriña é a súa aposta pola eficacia e pola fidelización e trato familiar cos seus clientes. Pode que non sexa a que ofreza os mellores prezos do mercado nalgúns produtos, pero é garantía de boa calidade técnica, profesional e humana.

C.A. Gráfica.—Ubicada no Alto de Puxeiros, nos arredores industriais de Vigo, está considerada por algúns, dende o punto de vista da calidade de impresión, unha das mellores de Galicia. Ademáis, ao seu grupo pertence tamén AC Pack, empresa adicada á arquitectura de embalaxes e pakaging.

Einsa.—Ainda que a súa sede está en Alcobendas (Madrid) a súa principal planta de produción atópase no concello de As Pontes. A esta imprenta só habería que dirixirse como editores se traballásemos con produtos impresos de grande tirada, como revistas, catálogos, etc., posto que se trata dunha empresa gráfica con grandes rotativas que traballa principalmente a nivel estatal e internacional. Practicamente todos os procesos de fabricación realízanse na propia planta de produción.

Tórculo.—Supoño que é a que máis vos soa precisamente porque é a imprenta á que nos levaron neste mestrado e porque posúe varias tendas de fotocopistería nas tres principais cidades de Galicia, estratéxicamente situadas para os clientes universitarios. De feito, Tórculo é unha das imprentas galegas máis versátiles (offset, dixital, cartelería, multimedia…) en en continua adaptación aos cambios que van xurdindo no panorama actual das artes gráficas e da edición, ata o punto de que recentemente puxo en marcha a páxina web Meubook, unha ferramenta on-line da autoedición e da impresión baixo demanda. Dende o punto de vista da fabricación, Tórculo posúe ademáis un tren de encuadernación de fresado con cola PUR.

Excepto Einsa, todas as demáis son membros do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego.

J. Augusto

Os comentarios están pechados.