Mil raios…!

Marzo 5th, 2011  |  Published in| the_category Cómic

Tintin é unha das referencias imprescindibles á hora de falar da banda deseñada no século XX, que é case o mesmo que falar da historia do cómic en xeral, pois agás algúns precursores decimonónicos, a historieta é unha técnica artística (a novena arte, hai quen lle chama) relativamente recente.

O personaxe de Hergé é o protagonista dunha saga de aventuras que se traduciu a máis de 70 idiomas (entre eles o galego) e que leva vendidos (aínda que é difícil consensuar as cifras procedentes de tan variadas orixes) máis de 250 millóns de exemplares en todo o mundo.

O fenómeno Tintin fixo que a todo o ancho do planeta apareceran clubs de tintinófilos, que non só comparten a súa paixón polos cómics, senón por todo o que teña algunha relación co intrépido reporteiro louro, desde figuriñas dos personaxes a películas (con actores reais e de animación), pasando por complementos como reloxos, chapeus ou chaveiros e mesmo selos de correos.

Precisamente a fin de semana que vén celébrase en Madrid a II edición do Encontro de Tintinófilos de Fala Hispana, onde participará o noso profesor do máster Pedro Rey, quen mantén este blog dedicado en exclusiva á información relativa a Tintin e os seus compañeiros de aventuras: o can Milú, o capitán Haddock, o profesor Tornasol, os detectives Hernández&Fernández, a Castafiore… Héctor.

Os comentarios están pechados.